Gato Salvaje buscará apoios no prestixioso portal Kickstarter para rematar a súa aventura gráfica

venres, 6 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

O videoxogo galego AR-K, creado dende A Coruña polo estudo Gato Salvaje e recentemente nos medios polo seu chimpo ao formato físico e pola súa aposta polo galego, está de novo de actualidade pola súa entrada no portal estadounidense de crowdfunding (metodoloxía para acadar apoios a través das canles de participación 2.0) Kickstarter. O xogo en cuestión, unha aventura gráfica que compaxina para a súa distribución os formatos dixitais e físico, atópase neste intre nunha fase decisiva de desenvolvemento: a que garantirá a conclusión deste proxecto por entregas. Segundo informan os seus creadores, trátase do primeiro produto da industria española de lecer electrónico en acadar incursión en Kickstarter, onde teñen colleitado importantes éxitos iniciativas responsabilidade de grandes representantes do sector, como Al Lowe ou Tim Schafer.
Como dixemos, o obxectivo do estudo galego é acadar fondos para garantir a continuidade de AR-K, logo de conseguir situar o capítulo de presentación entre os máis vendidos do seu xénero en portais como Game Planet, The Adventure Shop ou Media Markt.
Para que esta iniciativa consiga recoller os froitos devecidos, a empresa galega fará un chamamento aos membros da comunidade Kickstarter para reunir unha cifra mínima de 150.000 dólares (arredor de 120.000 euros) nun prazo de trinta días. Dada a contribución media de este portal, estímase, será preciso contar coa colaboración de unhas 7.000 persoas, achegando pequenas cantidades de cargos. A cambio desta axuda, recibirán o xogo cando estea rematado, xunto a outras recompensas proporcionais á súa contribución, como cuncas personalizadas, camisetas exclusivas, libros de arte asinados ou mesmo unha viaxe pagada á Coruña para coñecer a cidade e máis aos membros de Gato Salvaje.
Segundo as regras de Kickstarter, se non se acadan eses 150.000 dólares establecidos, a empresa non recibirá ningún diñeiro. Pero se a achega xeral dos mecenas acada ou vai alén desa cifra, garantirase que a historia chegue ao seu final, nunha versión con mellores animacións e escenarios, dispoñíbel en máis plataformas (Mac OS X, iOS, Android e Linux) e dobrada a máis idiomas (inglés, alemán, francés e portugués).
Lembrar que AR-K narra a historia de Alicia, unha estudante de xornalismo cuxa vida transcorre nunha sociedade utópica, onde todas as necesidades parecen estar cubertas. Con todo, vive en primeira persoa unha serie de acontecementos que lle fan dubidar do que cre saber sobre o seu mundo. O achado dun misterioso obxecto lévaa a introducirse nunha complicada trama de investigación, na que terá que detectar todas as mentiras que separan a aparencia da realidade.

PUBLICIDADE