Gameloft reduce os seus investimentos en Android

martes, 24 de novembro do 2009 Marcus Fernández

O estudo de desenvolvemento de videoxogos para dispositivos móbiles Gameloft desenvolveu nos últimos meses un importante número de títulos para terminais co sistema operativo Android, pero unhas declaracións do director de finanzas da compañía, Alexandre de Rochefort, están a dar lugar a certa polémica, pois asegurou que «reducimos significativamente o noso investimento na plataforma Android, coma moitos outros. Ninguén está a obter beneficios significativos en Android. Vendemos 400 veces máis xogos para iPhone que para Android».
Este tipo de comentarios veñen a repetirse por parte doutros axentes do sector nos últimos meses, e dos mesmos podemos entender que a penetración dunha plataforma do mercado non é tan importante como podería parecer, posto que non é uniforme a predisposición dos usuarios a pagar por contidos dende o móbil, e así, os usuarios de dispositivos de Apple están máis afeitos a pasar por caixa, o que fai que desenvolver para o iPhone sexa sumamente rendible.
De feito, dende Gameloft tiveron que lanzar un comunicado no que anuncian que xa están a traballar en xogos para a 2ª xeración de teléfonos Android, de xeito que lanzarán «xogos de alta definición que poidan beneficiarse da súa capacidade tecnolóxica e da velocidade de execución coa que contan os teléfonos Android. Os usuarios poderán beneficiarse dunha experiencia de xogo de calidade superior» ou, dito doutro xeito, a compañía continúa a apoiar a Android, pero matizarían os comentarios de Rochefort, que o único que farían sería destacar o alto rendemento económico dos xogos para o iPhone.

PUBLICIDADE