Gameloft estrea xogo de zombis para iPhone

martes, 11 de maio do 2010 Marcus Fernández

Algunhas fórmulas, sempre que estean ben desenvolvidas, son garantía de éxito, e coñecedores diso dende Gameloft veñen de presentar o que poderiamos considerar coma un clon de Resident Evil 5 para o iPhone, pois Invasión Zombie é un xogo de acción en terceira persoa no que hai que acabar cun brote de zombis, podendo encarnar tanto ao soldado Damien Sharpe como á reporteira Alex Rayne. A ambientación é moi semellante á do mencionado xogo de Capcom, aínda que supostamente a acción teña lugar en Sudamérica.
Neste título que pode mercarse na App Store por 5,49 euros temos que percorrer 12 niveis nos que moverémonos por favelas, minas, un zoolóxico, peiraos, un barco e un laboratorio acabando con inimigos de todas as formas e tamaños: mutantes e animais infectados.
A aventura tamén dirá desenmarañando unha historia que desembocará no descubrimento da causa da infección e da intención dos seus creadores, aínda que a meirande parte dos usuarios fixarase máis nos detallados gráficos 3D deste xogo que parece á altura da franquía na que se inspira.

Durante o xogo tamén pode tomarse o papel da reporteira Alex Rayne


Trailer de Invasión Zombie

PUBLICIDADE