Galiza Sempre presenta a versión dixital da mostra Feminismo galego

xoves, 8 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar da muller na sociedade de hoxe e as novas tecnoloxías, logo dunha xeira que comezamos dando conta do compromiso de EGANET neste eido e máis da actividade programada por GALpon no vieiro de avaliar o panorama da programación aberta en relación a esta cuestión. Pois ben, agora é a quenda da Fundación Galiza Sempre, que volve cinguir as cuestións muller-TIC a través dunha actividade diferente, pero complementaria e, sobre todo, necesaria. Falamos da mostra dixital Feminismo galego: cambios sociais e dereitos das mulleres, a versión en liña dunha exposición presentada en 2009 e que podemos ver xa a través da súa web. A actividade, agora virtual e polo tanto cen por cen accesíbel e visitábel con independencia de onde nos atopemos, dá acubillo a diferentes linguaxes e formatos para dar testemuño, en detalle, das reivindicacións do movemento feminista.
En palabras das responsábeis da Fundación, trátase de “textos, publicacións, noticias e documentación gráfica para impulsar na sociedade galega a reflexión sobre os avances e cambios sociais promovidos polas entidades e organizacións defensoras da igualdade de dereitos das mulleres”.
A iniciativa é un percorrido por acontecementos decisivos para a loita a prol da igualdade de dereitos, como o avance do sufraxismo; a II República; a ditadura franquista; as agrupacións feministas galegas dos anos 70 e 80 ou estado actual da loita feminista.
Segundo informa a Fundación, co obxectivo de facer máis doado o emprego da mostra en accións de tipo formativo e divulgativo, habilitouse a posibilidade de descarga documentos en formato pdf coa información relativa aos distintos períodos documentos, dende o século XIX até practicamente a actualidade. Asemade, achégase en formato dixital unha publicación que resume os principais contidos e reproduce as novas de prensa de especial significado para o movemento a partir do remate da ditadura.

PUBLICIDADE