Galiciadixital bota áncoras en Pontevedra

luns, 13 de setembro do 2010 Raquel Noya

Os aerodeslizadores <a href="http://www.xunta.es/actualidade?content=/Portal-Web/Contidos/Novas/nova_estandar3210.html">foron uns dos contidos máis visitados da exposición</a> durante a pasada edición de Xuventude Galicia NetO edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra vai dar acollida, a partir de mañá martes e ata o vindeiro 21 de setembro, á exposición itinerante Galiciadixital, que chega á cidade do Lérez cos seus contidos habituais para facer as delicias de mozos e non tan mozos.
A Secretaría Xeral de Medios leva esta mostra interactiva ata Pontevedra coa satisfacción de saber que a súa curmá, a exposición permanente con sede no Mosteiro de San Martiño Pinario, superou este verán as 20.000 visitas.
Ademais dos seus contidos habituais, como o tiraboleiro virtual ou o xogo Aerodeslizadores por Compostela, a mostra contará tamén con espazos relacionados co 25 aniversario da CRTVG, onde non faltará o Xabarín do club máis famoso da galega.
Os veciños e veciñas da zona que decidan achegarse ata a exposición poderán disfrutar dunha experiencia interactiva diferente á de calquera museo convencional pois pasan de ser meros espectadores a participar na mostra de xeito activo.
Ao igual que o viñan facendo noutras vilas galegas nas que estivo a exposición, as persoas que visiten esta mostra de Pontevedra, poderán disfrutar, entre outros, do xogo Aerodeslizadores por Compostela, no que se descende pola zona histórica dunha cidade galega virtual nun futurista aeroesbarador desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), e do canciño Axóuxere, un robot con forma de mascota que xoga e interactúa coa xente respondendo con xestos propios dun can de carne e óso.
Asemade, os visitantes tamén poden converterse en tiraboleiros do Botafumeiro da Catedral de Santiago por un día grazas ao tiraboleiro virtual, ou somerxerse nun mundo virtual a través das proxeccións en tres dimensións que ofrece As cidades do camiño, unha actividade na que os visitantes visualizan imaxes panorámicas de 360 graos nunhas pantallas que colgan do teito e onde cada un pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas mans por aquelas cidades polas que discorren os diversos camiños de peregrinación a Compostela.
Por outra banda, durante a súa estadía en Pontevedra, a mostra acollerá unha serie de contidos encamiñados a conmemorar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da Compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico. Tamén, grazas ao plató Chroma Key, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.

PUBLICIDADE