AOI

Deputacin de Pontevedra

O noso boletín por e-mail conta xa con 3033 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

Galiciadixital levou máis de 21.000 visitantes a San Martiño Pinario este verán

luns 6 de setembro do 2010, por Raquel Noya | | Compartir | |

Nos últimos meses, a mostra interactiva itinerante Galiciadixital, da Secretaría Xeral de Medios, foi a protagonista da nosa e doutras webs pola súa capacidade para albergar visitantes onde queira que se instalaba, ben fora en hospitais, centros de día ou telecentros, onde facía as delicias de nenos e maiores coas súas entretidas actividades.
Porén, hoxe é a mostra permanente Galiciadixital, con sede en San Martiño Pinario, a que destaca no noso medio, por ter incrementado de xeito considerable o seu número de visitas durante os meses de xuño, xullo e agosto.
Esta exposición interactiva, tamén xestionada pola Secretaría Xeral de Medios, recibiu a 21.517 persoas que percorreron de xeito virtual a nosa comunidade. Agosto, con 8.128 visitas, foi o mes no que máis persoas se achegaron á mostra, seguido de xullo, no que se contabilizaron 7.535 visitas.
Facendo balance xeral, no que vai de ano pasaron pola exposición permanente un total de 47.919 persoas, cifra á que hai que engadir os 16.035 visitantes que se achegaron tamén á versión itinerante da mostra durante o seu paso por oito localidades galegas (Lugo, Soutomaior, A Coruña, Santiago, Ourense, Redondela, Narón e A Rúa).
A través desta exposición, a Secretaría Xeral de Medios persegue dous obxectivos. Por unha banda, conseguir que os que visiten a mostra “disfruten dunha experiencia nova e diferente á dos museos convencionais”, ao coñecer as novas tecnoloxías aplicadas ao mundo audiovisual dun xeito lúdico, e por outra, “servir de escaparate e ponte natural entre o traballo que están a desenvolver as universidades e as empresas galegas co resto da sociedade”.
As novas tecnoloxías introducen ao visitante de Galiciadixital nunha atmosfera especial que amosa unha Galicia diferente, unha viaxe de sensacións, imaxes, luces e sons que o envolven e que lle permiten gozar dunha experiencia nova e amena.

Unha curtametraxe en 4 dimensións
Entre os últimos contidos incorporados á exposición destaca a película en catro dimensións Meta do Camiño. Trátase dunha curtametraxe en 4-D, é dicir, tres dimensións acompañada por efectos especiais de vento, aroma e fume, onde un peregrino acompaña e ilustra ao visitante nun breve percorrido polos lugares máis relevantes da catedral de Santiago de Compostela. Algúns destes sitios non son accesibles doadamente para o espectador convencional, como o altar maior, o órgano, o sepulcro, os tellados ou o impactante botafumeiro que os visitantes poderán alcanzar coas súas propias mans.
Galiciadixital ofrece tamén proxeccións e xogos en 3 dimensións, un tiraboleiro virtual, unha viaxe aérea pola nosa comunidade, ou o can de fala galega Axóuxere, entre outros moitos contidos dos que se pode disfrutar gratuitamente de 10:00 a 14:00 horas e de 17.00 a 20:30 horas no Mosteiro de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

 RSS