GaliciaTIC contará cunha Feira de Emprego

luns, 16 de outubro do 2023 Redacción

GaliciaTIC, o foro para o sector tecnolóxico galego organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO), celebrará en Santiago de Compostela o vindeiro xoves a súa 21ª edición, que volve incluír por segundo ano consecutivo a Feira de Emprego. Un total de 16 empresas do sector tecnolóxico participarán a través de relatorios e casetas informativos nesta iniciativa que, dentro do programa de GaliciaTIC, busca fomentar a vocación tecnolóxica nas futuras xeracións de traballadores/as, así como facilitar a captación de talento por parte de entidades punteiras das TIC.
Más de 200 estudantes das tres universidades galegas e escolas de negocios, así como alumnado de Formación Profesional, participarán nesta Feira de Emprego que abrirá a súa segunda edición ás 10.00 deste xoves. Ao longo da tarde, sucederanse relatorios e mesas de debate ao redor dos perfís laborais tecnolóxicos, o talento TIC e consellos para o desenvolvemento profesional no sector.
As empresas que participarán son Imatia Innovation, Optar Solutions, Edisa, Ednon, Nunegal Consulting, Grupo GBTEC, Minsait, Balidea, Marine Instruments, Gdoce, Appentra Solutions, Cloud Factory, Grupo Tesalia, Clarcat Cantábrico e Inetum, así como o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

PUBLICIDADE