GTA VI estreará tráiler en decembro

mércores, 8 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Rockstar Games lanzou en 2013 o seu célebre xogo Grand Theft Auto V, que no seu día podía presumir de ser o máis caro da historia, pero que o día do seu lanzamento xa recuperou todo o investido, aínda que máis impresionante resultou o feito de que o título lanzado orixinalmente en PS3 e Xbox 360 repetise o seu éxito nas seguintes dúas xeracións de consolas, polo que non parecía que os seus creadores tivesen moita presa por estrear unha nova entrega, e non foi até o ano pasado cando confirmaron que estaban a traballar en GTA VI, sen concretar detalles sobre este traballo.
Finalmente Rockstar Games anunciou hoxe que, co gallo do seu 25º aniversario, no mes de decembro estrearán o primeiro tráiler da vindeira entrega de Grand Theft Auto, momento no que se espera que se confirmen algúns dos moitos rumores que hai ao redor deste agardado título, así como unha previsión de cando verá finalmente a luz.
Aínda que pode parecer que estamos ante un anuncio pouco significativo, se temos en conta que Grand Theft Auto V vendeu uns 185 millóns de copias, converténdose nun dos xogos máis vendidos da historia, e que a nova entrega chegará para consolas tan competentes como a PS5 e a Xbox Serie X|S, é comprensible que a expectación sexa moi elevada.

PUBLICIDADE