Fujitsu amosa un prototipo de papel electrónico

xoves, 5 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Durante a feira CEATEC, Fujitsu amosou o seu prototipo de pantalla co grasor dunha folla de papel, pois a compañía está a desenvolver pantallas flexibles e finas coma o papel, e de baixo consumo, e aproveitou a feira tecnolóxica para presentar un prototipo de pantalla de 7,8 polgadas que pode amosar ata 4.096 cores e que se integra nunha carcasa ríxida dun lector de libros electrónicos.
O lector de libros electrónicos pesa só 180 gramos, e as páxinas se poden pasar con só pulsar un botón, tardando o debuxado das páxinas novas entre 1 e 4 segundos dependendo da complexidade da mesma, pero o impresionante desta tecnoloxía non é o lector, senón a pantalla, que ó ser flexible podería empregarse en contornos descoñecidos ata o momento (como podería ser para usos publicitarios en superficies curvadas).
O prototipo amosado incluía un conector USB e unha fenda para tarxetas de memoria SD, e como outras solucións de papel electrónico, non precisa de enerxía para conservar as imaxes na pantalla, senón que o consumo provén só da modificación do seu contido, o que dota a estes dispositivos dunha autonomía notable.

PUBLICIDADE