Frankie Gómez procurará fomentar o espírito emprendedor nun relatorio en Vigo

mércores, 20 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Frankie Gómez durante a celebración do 3º aniversario da LaconNetwork

O día 28 ás 19:00 horas o Club Financeiro de Vigo fará de escenario da vindeira edición de Iniciador Galicia, encontro destinado a emprendedores do ámbito tecnolóxico que contará como relator con Frankie Gómez, socio e fundador de ConfirmSign, compañía dedicada a servizos de correo electrónico certificado, destacando tamén por ser co fundador da LaconNetwork, encontro gastronómico de profesionais do sector TIC galego que ten lugar os últimos venres de cada mes.
Gómez tamén traballou durante 15 anos no mundo do marketing e a publicidade, como creativo publicitario a primeiros dos 90, e aproveitando as oportunidades para rematar como director creativo executivo e docente, contribuíndo á comunicación e á estratexia de empresa como Inditex, Pescanova, Pascual, Eroski, Caixa Galicia, Grupo Fadesa e moitas outras, polo que os asistentes a este encontro poderán compartir a súa experiencia tanto no ámbito do marketing como no emprendemento dunha compañía enfocada ao servizo a empresas baseado na Internet.
O relatorio de Frankie Gómez leva por título Gallegos, gen dominante para emprender, o que serve de adianto da intención que terá coa súa intervención: animar aos asistentes a facer realidade a súa propia iniciativa empresarial.

PUBLICIDADE