Francisco Ros sorprende nun videochat asegurando que España é «o país con maior cobertura de acceso á Internet do mundo»

xoves, 24 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Imaxe do videochat no que participou Francisco Ros

Dende a web ADSLZone critican a intervención do secretario de Estado das Telecomunicacións, Francisco Ros, durante un videochat para o xornal ABC, no que respondeu ás preguntas que lle formulaban os internautas, por asegurar que grazas ao desenvolvemento do Plan de Espallamento da Banda Larga (PEBA) xa ten acceso á Rede o 98% da poboación e que «para final de ano está previsto chegar ao 99% co que xa somos o país con maior cobertura de acceso á Internet do mundo», o que parece a todas luces unha afirmación gratuíta e sen ningunha base real, pois todos os indicadores sitúan a España á cola da Unión Europea no tocante ao acceso á Rede, mentres que Ros se empeña en asegurar todo o contrario.
No caso galego o BNG xa criticou que se asegurase que o 99% dos municipios galegos contasen con acceso á banda larga e pediu un estudo serio sobre a cobertura do acceso á Rede no rural, e a irrealidade dos datos que sostén o secretario de Estado das Telecomunicacións nace do feito durante o desenvolvemento do PEBA se considera que unha vila conta con banda larga cando este tipo de conexións chegan ao 80%, de xeito que se están computando coma cobertura total a unha cobertura incompleta.
Consultado sobre as deficientes velocidades e altos prezos, Ros continuo a realizar afirmacións que non parecen axustarse á realidade do mercado, asegurando que «en España hai ofertas comparables ás da maioría dos países do noso contorno, tanto en velocidade coma en prezos», o que só se podería entender facendo unha interpretación relativa do mercado (comparando as mellores ofertas en vez de as ofertas medias, ás que pode acceder a meirande parte da poboación).

PUBLICIDADE