Fortnite é o xogo do ano segundo os Golden Joystick Awards

luns, 19 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Os Golden Joystick Awards 2018 entregáronse hai uns días no Bloomsbury Big Top de Londres, premios que unha vez máis serven para coñecer bastante ben o panorama anual do sector dos videoxogos, sendo especialmente interesante nesta edición a pugna entre unha superprodución como é God of War e os battle royale de moda. Temos así o contraste entre o xogo de mellor factura e o fenómeno do momento que goza do favor do público.
Entre os galardóns que atesourou God of War están os de mellor narración, mellor deseño visual, mellor apartado sonoro, Xogo do Ano para PlayStation e mellor estudio; mentres que o recoñecemento ao xogo móbil do ano foi para PLAYERUNKNOWN’S BATTLEGROUNDS, mentres que Fortnite Battle Royale, con só o premio ao mellor xogo competitivo, fíxose co recoñecemento ao Xogo do Ano definitivo.
Outros premios salientables serían os do mellor xogo de Esports (Overwatch), mellor xogo de realidade virtual (The Elder Scrolls 5: Skyrim VR) ou mellor xogo da crítica (Red Dead Redemption 2), sorprendendo especialmente que o mellor xogo para unha consola de Nintendo fose Octopath Traveler (en vez dun dos grandes títulos da propia Nintendo).

PUBLICIDADE