Flipboard chega aos 5 millóns de usuarios

mércores, 14 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Flipboard é unha aplicación que fai de revista social virtual no iPad, e que conseguiu unha grande aceptación pública por facilitar o consumo de contidos recomendados polos nosos amigos en plataformas como Facebook ou Twitter dende os tablets de Apple, dándolles forma de revista en papel, pero incluíndo contidos multimedia, no que moitos consideran que se trata dun anticipo do que será o futuro dos medios, pero unha actualización da aplicación lanzada hai pouco máis dunha semana sorprendeu porque ao aceptar tamén o uso de Flipboard dende iPhone e iPod Touch achégase unha experiencia moi diferente que disparou o número de usuarios da aplicación ata un total de 5 millóns.
Non só incrementouse o número de usuarios que empregan Flipboard, senón que tamén aumentou considerablemente o volume de páxinas lidas dende a mesma, pasando dunha medida mensual de 650 millóns a preto dos 2.0000 millóns.
Flipboard continúa a ser unha aplicación de balde na App Store, que agora tamén pode levarse no peto, que conta cunha selección de artigos e fotografías chamadas Cover Stories (funcionalidade sorprendentemente aínda non dispoñible para iPad) e facilita unha lectura áxil de numerosas novas como fariamos cunha revista impresa, saltando entre contidos co toque dun dedo. Amais, esta aplicación medrou nos últimos meses integrando cada vez contidos de máis fontes, así como de servizos como Tumblr ou Instagram, polo que non é de sorprender que os usuarios estean encantados co produto e exista unha forte demanda desta aplicación para dispositivos Android (da que aínda non hai novas).


Así é o Flipboard para iPhone

PUBLICIDADE