Firefox 3.5, rei en Europa

luns, 27 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A versión 3.5 do navegador libre Firefox vai cara adiante coma se ademais de ser un raposo de lume (iso é o que significa o seu nome) tivese présa real por chegar a algunha parte. Segundo datos achegados os días padados por StatCounter ou a comunidade Asycom, o que xa comezou ben, con cinco millóns de descargas a poucos días do seu lanzamento, desenvolvéndose logo con bo pé (reinando en Europa e de maneira indiscutible), segue a dar sinais de espallamento. Ao parecer, o navegador libre de Mozilla (que xa podemos dende o primeiro día descargar en galego) gañoulle case un 10,3% de cota de uso –a nivel europeo- ao seu principal competidor, o Internet Explorer de Microsoft.
Isto tamén é aplicable a Estados Unidos, onde a ferramenta libre anda a piques de acadar a mesma porcentaxe, que no caso de Firefox é do 44% e no do navegador da casa de Bill Gates é do 46,2%.
Por certo que para quen non semellan pintar as cousas de igual maneira é para o navegador chamado a converterse no terceiro en discordia, o Google Chrome, que malia os bos resultados de funcionalidades que deu non acaba de coller forza, nin en Estados Unidos nin en Europa. Volvendo a Firefox, dicir que as previsións apuntan a que en EE UU superará en breve ao Internet Explorer.

PUBLICIDADE