Final Cut Pro X estrea actualización e versión de demostración

xoves, 22 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Atendendo ás moitas queixas de usuarios profesionais ante o produto Final Cut Pro X, Apple vén de publicar a primeira actualización da aplicación dende o seu lanzamento en xuño, que incorpora melloras substanciais como o soporte de Xsan e XML enriquecido, o que facilita os fluxos de traballo para múltiples usuarios e a interacción con outras solucións de terceiros. A aplicación tamén incorpora a posibilidade de funcionar a pantalla completa baixo Mac OS X Lion, facilita engadir transicións entre clips cconectados (sen ter que facelo de xeito manual), aproveita a aceleración gráfica na exportación de vídeos e estrea un SDK de importación para facilitar o uso de máis cámaras para trasladar os contidos gravados dende as mesmas ao sistema de edición de Final Cut Pro X.
Pero posiblemente a maior novidade con respecto ao Final Cut Pro X é a posibilidade de contar cunha versión de demostración da aplicación, de xeito que os profesionais que estean a pensar en dar o salto dende versións anteriores poderán achegarse sen medo ao que ofrece esta reinvención da aplicación para ver se pode cubrir as súas necesidades.

PUBLICIDADE