Fíltrase á rede unha copia ilegal de Gears of War: Judgement

martes, 19 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Pola Rede comezou a circular unha copia do que parece ser a versión final do xogo Gears of War: Judgement, que non sairá á venda ata o vindeiro 22 de marzo, polo que esta filtración podería facerlle moito dano á súa estrea (tanto en vendas como ao estragar a política de comunicación que tende a repartir en pílulas os detalles do novo lanzamento), polo que dende Microsoft reaccionaron lembrando que os usuarios que ousen utilizar esta copia ilegal e sexan detectados terán que afrontar o veto da súa videoconsola dos servizos de xogo en liña de Microsoft, á vez que informan de que están investigar o incidente para tomar medidas legais.
En vista de que xa están a circular vídeos do xogo pola Rede, tamén optaron por estrear un vídeo oficial no que pode verse o modo multixogador do novo título de Epic e People Can Fly para os Microsoft Studios, detallando moitas das súas características, o que servirá para ir quecendo motores de cara á chegada ás tendas deste agardado xogo.
Pero estas non son as únicas informacións sobre o xogo, senón que tamén deuse a coñecer o contido dunha edición para coleccionistas que porán á venda nos EE.UU. nas tendas de GameStop (é de agardar que saia unha edición semellante en Europa) que inclúe, aparte do xogo, unha figura de acción de 18 centímetros e varios contidos descargables, así como un código para poder descargar o primeiro Gears of War.


Vídeo con numerosos detalles do multixogador de Gears of War: Judgement

Contidos da edición limitada do xogo que venderán en GameStop

PUBLICIDADE