Fíltrase á Rede unha beta técnica do Office 2010

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

O Office 2010 mellora a integración en Windows 7 do paquete ofimático de Microsoft

Co Windows 7 RC instalado en millóns de ordenadores de todo o mundo chega agora o Office 2010, aínda que non de xeito oficial, senón que estes días está a circular por redes P2P unha beta técnica do futuro paquete ofimático de Microsoft, de xeito que moitos usuarios experimentados xa se lanzaron a probar o que achegará o novo Office, que principalmente presenta unha boa integración con Windows 7, o que pode traducirse nunha mellora da produtividade durante o seu uso.
O Office 2010 fará un uso máis intensivo das Jump Lists de Windows 7, de xeito que non só poderemos acceder de xeito rápido e doado aos últimos documentos abertos, senón que tamén contaremos con atallos ás tarefas máis habituais, de xeito que o Outook permitirá acceder rapidamente ao calendario, á bandexa de entrada ou á composición dun novo correo electrónico ou á agregación dun novo contacto. Podemos botar unha ollada á aparencia do novo Office nunha galería de imaxes publicada por Ars Tecnica.
Os usuarios interesados en participar na beta técnica oficial de Office 2010, poden inscribirse nunha web feita a tal efecto, agardándose a apertura deste programa de probas dentro duns 42 días.

ACTUALIZACIÓN: Microsoft advirte de que moitas das copias da beta técnica do Office 2010 están infectadas con algún tipo de malware (como xa pasara con algunhas copias previas do Windows 7) polo que recomendan agardar á versión oficial que chegará en breve.

PUBLICIDADE