Filtran na Rede as contrasinais de máis de 55.000 contas de Twitter

mércores, 9 de maio do 2012 Raquel Noya

Cambiar con certa frecuencia as contrasinais das nosas contas en Internet como a de correo electrónico ou as de acceso ás redes sociais, é unha boa costume que todos e todas deberiamos ter nos tempos que corren, así como evitar que as claves sexan doadas de identificar e complicadas dabondo como para que aos hackers non lles interese demasiado facerse con elas.
Malia á todo, e aínda tomando esta serie de medidas, pode pasarnos o que lle pasou recentemente aos usuarios dunhas 55.000 contas de Twitter, que sufriron unha filtración masiva dos seus nomes e contrasinais na Rede e que foron publicadas en Airdemon.
En realidade sospéitase que son moitos menos xa que desas contas “preto de 20.000 son repetidas”, segundo informa Afp, e unha gran maioría semellan ser bots ou contas pantasma; porén mesmo así resulta unha cifra escandalosa.
A filtración foi publicada en Airdemon, onde se achegan os documentos coas distintas listaxes (documento 1 | documento 2 | documento 3 | documento 4 | documento 5) para que os usuarios poidan comprobar se a súa conta foi comprometida nalgún momento ou se desta volta que dou libre do hackeo.
Dende Twitter informan de que xa están a tomar medidas, e enviando claves novas aos usuarios afectados.

PUBLICIDADE