Filtran as especificacións técnicas da sucesora da Xbox 360

luns, 21 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Especificacións da sucesora da Xbox 360 publicadas por VGleaks

Poucos dubidan xa que 2013 vai ser o ano da nova xeración de consolas de videoxogos, e incluso xorden rumores que apuntan a que poderían chegar a anunciarse antes da feira E3 de Los Angeles (aínda que resulta pouco probable que sexa así) e para botar máis leña ao lume dende VGleaks veñen de publicar as especificación do proxecto Durango (a que sería a futura consola de Microsoft, popularmente chamada Xbox 720 pese a que o seu nome aínda non sexa público) e aseguran que van a facer o mesmo con Orbis (o proxecto de Sony) nos vindeiros días.
A sucesora da Xbox 360 tería unha arquitectura x64, procesador de 8 núcleos a 1,6 GHz, 8 Gb de RAM, disco duro, lector de discos Blu-ray, Gigabit Ethernet, Wi-Fi (con soporte de Wi-Fi Direct) e varios módulos de aceleración que parecen destinados ao funcionamento de Kinect 2. Esta información coincide pola manexada por varias fontes, polo que parece xenuína, aínda que os datos en bruto pouco teñen que ver co que Microsoft presentará cando amose publicamente a consola, de xeito que ata ese momento non saberemos con detalle o que podería dar de si a nova xeración que promete ser unha evolución para moitos dos aspectos que foron quedando atascados e que van moito máis aló do apartado gráfico (a intelixencia artificial dos xogos, o número de usuarios en pantalla nunha partida en liña, a precisión de Kinect...). Tamén hai certa curiosidade por ver como xustificarán a incorporación de Blu-ray por parte de Microsoft, pois lembremos que a compañía de Redmond formaba parte do grupo que apoiaba o desenvolvemento do fracasado HD DVD.
Sony non ten presa
Aínda que comentábase que Sony podería anunciar a PlayStation 4 antes que a sucesora da Xbox 360, o director xeral da compañía, Kaz Hirai, non parece estar pola labor, e cuestionado sobre a data de lanzamento da PS4 comentou: “¿por que ir primeiro cando a nosa competencia podería ver as nosas especificacións e sacar algo mellor?”.
De todos os xeitos, non parece que se vaia a repetir a situación do lanzamento da Xbox 360 e a PS3, pois daquela Sony tivo que adiar a saída da súa consola por mor da incorporación do reprodutor de Blu-ray, o que permitiu que Microsoft tomase certa vantaxe e conseguise conquistar o mercado norteamericano, no que a Xbox 360 é a consola doméstica máis empregada (tanto para xogar como para consumir contidos audiovisuais en liña).

PUBLICIDADE