Fan un Kama Sutra caseiro para a Nintendo DS

luns, 23 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Cando a Policía ten incautado cartuchos que permite a carga de xogos non oficiais na Nintendo DS comentamos que a operación nos parecía pouco axeitada porque os dispositivos tipo M3 DS Real non son ilegais en España por non servir unicamente para a piratería de xogos, senón que tamén serve para ampliar as funcionalidades da consola permitindo a reprodución multimedia e a carga de xogos caseiros, e como exemplo desto último temos incluso unha versión do Kama Sutra, produto que claramente non aceptaría nunca Nintendo dentro do seu catálogo, e que grazas á scene ten unha saída, aínda que sexa coma programa de balde.
O Sutra DS non estaría recomendado para menores de 18 anos e amosaría 37 posturas sexuais (25 animadas), detallando o pracer, a dificultade ou a comodidade de cada postura (tanto para o home como para a muller). Manéxase co stylus da DS, podendo empregarse tamén os botóns R e L para pasar á posición seguinte ou anterior respectivamente.
Sobra dicir que este produto é moi rudimentario, pero resulta curioso ver cómo cando unha compañía pecha a súa plataforma ao material sexual hai xeitos de evitalo, aínda que sexa dun xeito que nalgún país sexa ilegal.

PUBLICIDADE