Facebook potencia o uso da música nas historias

mércores, 24 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Antes do verán Facebook anunciou que estaba a traballar en novas funcións destinadas a expresarse empregando música, o que hai un par de semanas puidemos ver en España coa chegada do adhesivo de música a Instagram, e que agora avanza varios pasos máis, con tres novas funcionalidades de Facebook nas que podemos engadir música tirando proveito dun amplo catálogo musical en liña.
A función que posiblemente máis se fará notar nos vindeiros días será a Sincronización Labial en Directo, que consiste na reprodución musical durante as emisións en vivo para que podamos facer como que somos nós os que cantamos o tema musical, seguindo así tendencias doutras aplicacións como TikTok. Esta posibilidade está xa activa no noso territorio (aínda que noutros países xa levaba meses), e a partires de hoxe está a incorporar unha prestación adicional: a presentación en pantalla da letra dalgunhas cancións.
Dun xeito practicamente igual ao de Instagram, agora tamén podemos crear historias en Facebook nas que pode pegar un adhesivo musical que reproduce a canción que queiramos no momento que elixamos, presentando o artista e o nome da canción durante a súa reprodución.
E, finalmente, tamén engadirase a posibilidade de engadir cancións ao noso perfil de Facebook, de xeito que na parte superior da nosa ficha persoal poderemos ancorar unha canción, de xeito que as persoas que consulten tal apartado poderán escoitar a canción, replicala no seu perfil ou visitar a páxina de Facebook do artista correspondente. Esta funcionalidade estará dispoñible en breve.

En breve poderemos ancorar música ao noso perfil de Facebook

PUBLICIDADE