Instagram estrea en España o adhesivo de música

xoves, 11 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A primeiros do verán Instagram estreou nos EE.UU. a posibilidade de inserir música dun inmenso catálogo dentro das súas historias mediante un adhesivo que nas últimas horas está a desembarcar en España, de xeito que xa podemos incorporar nos nosos contidos efémeros pequenos cortes musicais que os animen, citando o tema e o seu intérprete.
O uso desta nova funcionalidade é sinxelo, pois chega con arrastrar o novo adhesivo chamado música á historia que esteamos a compor, tras o que aparecerá ante nós un buscador de música que tanto podemos explorar mediante categorías como a través de buscas personalizadas, para logo elixir o tema que queremos que se escoite e o momento concreto da canción. Deste xeito temos música acreditada nas nosas historias dun xeito completamente legal, xa que Facebook chegou a acordos coa industria musical para poder facer un uso lexítimo dos seus contidos na súa familia de aplicacións.
Cómpre salientar que aínda que o adhesivo musical estea dispoñible en España, ao non estar dispoñible en todo o mundo, a música non poderá escoitarse nos países onde a funcionalidade non estea dispoñible oficialmente.

PUBLICIDADE