Facebook move ficha tras o escándalo de Cambridge Analytica

xoves, 22 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Tras o rebumbio causado polas revelacións do pasado sábado na prensa británica e dos EE.UU. por mor das declaracións dun delator que efectuou traballos para Cambridge Analytica colleitando uns 50 millóns de perfís de Facebook para o seu uso de cara á realización de campañas políticas, as consecuencias estaban a ser claras, cunha importante caída da cotización bolsista de Facebook (duns 50.000 millóns de dólares), unha grande perda de confianza na plataforma social e certa sorpresa ante a ausencia de Mark Zuckerberg, que non estaba a realizar declaracións ao respecto.

A explicación inicial de Zuckerberg sobre o acontecido carecía das desculpas que esixía o público

Pero finalmente Zuckerberg deu un paso adiante, dando explicacións sobre o acontecido (moi criticadas por non incluír unha desculpa para os usuarios de Facebook), recoñecendo os feitos denunciados polos medios de comunicación e anunciando medidas para que non se repita un escándalo semellante.
A partires de agora Facebook realizará unha revisión das aplicacións que accedesen a grandes volumes de información antes dos cambios na plataforma en 2014 para reducir o acceso aos datos (asegurando que vetarán aos desenvolvedores que abusasen da plataforma), informarán ás persoas afectadas polo mal uso dos seus datos (para o que procurarán atopar un xeito para saber dos afectados da aplicación thisisyourdigitallife), desactivarán o acceso ás aplicacións que non se usen (cando unha aplicación non se empregue en 3 meses perderá os permisos para acceder aos datos dos usuarios), limitarán a información de identificación de Facebook (na vindeira versión do sistema de identificación de Facebook só se dará acceso a nome, a foto de perfil e o enderezo de correo electrónico de xeito predeterminado, precisando de autorización expresa para calquera outro dato), instará aos usuarios a administrar as aplicacións que emprega e recompensarán a quen atope vulnerabilidades.

Mark Zuckerberg recoñece que terán que analizar milleiros de aplicacións que antes de 2015 accederon a volumes masivos de datos persoais

Nunha entrevista posterior á CNN Mark Zuckerberg soubo actuar ante a mala reacción por non terse desculpado, e comezou amosando o seu pesar, aínda que tamén fai comentarios que dan a entender que será complicado coñecer a todos os afectos polos abusos das aplicacións en Facebook anteriores a 2015. Zuckerberg matizou ante o The New York Times que desenvolverán unha aplicación semellante á que empregaron para informar aos afectados pola campaña de desinformación rusa que procurou afectar ás eleccións norteamericanas, para así advertir aos usuarios potencialmente afectados (ou sexa, que non teñen a certeza dos usuarios dos que Cambridge Analytics tiña datos, pero darán por feito que son todos os que eran amigos dos usuarios que autorizaron a aplicación thisisyourdigitallife). Zuckerberg tamén estima que o número de aplicacións que terán que investigar por acceso masivo a datos dos usuarios estaría na orde dos milleiros.

O relato dos feitos

En 2007 Facebook estreou unha plataforma para facilitar que as aplicacións puidesen ser máis sociais, permitindo que, por exemplo, o calendario amosase os aniversarios dos amigos ou que unha aplicación puidese acceder aos datos dos nosos amigos (algo moi empregado polos xogos para a súa socialización e viralización).
En 2013 un investigador da Universidade de Cambridge, Aleksandr Kogan, creou unha aplicación chamada thisisyourdiigtallife que realizaba test de personalidade e que tería recadado información dunhas 270.000 persoas. Ao parecer, Kogan aproveitou a arquitectura da plataforma de Facebook para colleitar así información de até uns 50 millóns de usuarios.
En 2014, para evitar abusos como o anterior, Facebook mudou o funcionamento da plataforma para impedir os accesos masivos a datos de usuarios sen o seu consentimento.
En 2015 dende Facebook souberon que Kogan compartiu datos da súa aplicación con Cambridge Analytica, polo que vetaron a Kogan e solicitaron ao investigador e a Cambridge Analytica o borrado da información conseguida irregularmente (o que non fixeron se atendemos ás informacións do delator Christopher Wylie).
En 2018 (o pasado sábado) sóubose a través de distintos medios que Cambridge Analytica tería traballado cos datos que se comprometera a eliminar, o que non sería rigorosamente unha filtración, senón unha rotura da cadea de confianza, que principalmente prexudica a Facebook, xa que deixou en evidencia que a plataforma non protexeu aos seus usuarios de abusos como o denunciado estes días.

PUBLICIDADE