Desvelan a filtración de datos de 50 millóns de contas de Facebook para a campaña electoral de Trump

luns, 19 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A pasada fin de semana a prensa británica sorprendeu coas declaracións dun delator que traballou para Cambridge Analytica colleitando 50 millóns de perfís de Facebook no que consideran unha grande filtración de datos que teríase empregado para a campaña electoral de Donald Trump nos EE.UU. e incluso poderían ter afectado na votación do Brexit (posibilidade que está a estudarse actualmente).
O confidente, Christopher Wylie, revelou ao Observer, publicación de The Guardian, que Cambridge Analytica, unha compañía propiedade do millonario Robert Mercer baixo a dirección de Steve Bannon (un dos máximos responsables da campaña de Trump), utilizou datos persoais captados sen permiso a primeiros de 2014 para construír un sistema que perfilase a votantes norteamericanos para lanzarlles anuncios políticos personalizados. Engaden que Facebook tería advertido a filtración masiva de información, que tería afectado a máis de 50 millóns de usuarios, a finais de 2015, de xeito que non semella que tivesen as medidas de control suficientes para evitar este tipo de prácticas fraudulentas que claramente violan as normas de Facebook para a recollida de información, pois os datos que se capten só poden empregarse para mellorar a experiencia de uso das aplicacións e non para venderse ou empregarse con finalidades publicitarias.
A captación de datos teríase realizado a través dunha aplicación chamada thisisyourdigitallife, desenvolvida polo académico Aleksandr Kogan a través da súa compañía, Global Science Research (GSR) en colaboración con Cambridge Analytica, recollendo información de centos de milleiros de usuarios para un test de personalidade, autorizando os usuarios tamén o uso dos datos para uso académico, ou sexa, que nun principio a apropiación da información realizouse por canles lícitas, pero o uso realmente que se fixo da mesma foi moi diferente. A aplicación eliminouse en 2015 e pediuse aos que traballaron na mesma que eliminasen as copias dos datos recollidos, comunicación que Wylie di non ter recibido até a segunda metade de 2016.
A postura de Facebook ante feitos tan graves está a resultar moi polémica, xa que ante estas informacións reaccionan ameazando ao Observer con emprender accións legais por difamación e cancelando agora as contas de Christopher Wylie en Facebook, Instagram e WhatsApp, pese a que eran coñecedores de xeito privado dos feitos hai máis de dous anos.
Pero non só a pasividade de Facebook (compañía que podería ter incumprido as súas obrigas legais ao non informar da filtración masiva de datos) é preocupante, senón que o acontecido está a deixar claro que son precisas medidas de control para a publicidade política en liña, ao igual que acontece coa publicidade nas canles tradicionais, pois semella que as campañas electorais actuais son o Antigo Oeste Americano.
No caso desvelado polo Observer teriamos que os responsables da campaña de Trump terían pagado preto dun millón de dólares para conseguir a base de perfís de Facebook que facilitasen a personalización das súas mensaxes publicitarias, chegando a preto da terceira parte dos usuarios estadounidenses de Facebook e a preto da cuarta parte dos potenciais votantes.

PUBLICIDADE