Facebook estrea o vídeo en directo en 360 graos

luns, 12 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Xa hai máis dun ano dende que Facebook permite compartir vídeos en 360 graos, sendo unha das poucas plataformas (xunto con YouTube) que está a promover tal formato que ten grande potencial tanto polos cascos de realidade virtual estándar como polos cascos baseados no cartón de Google, e agora levan esta tecnoloxía un paso adiante, e anuncian Live 360, un servizo que permitirá realizar directos de vídeo en 360 graos, facilitando que a través de Facebook poidamos introducirnos en vivo nun contorno para exploralo con certa liberdade, combinando así 2 dos formatos de vídeo de máis éxito en Facebook.
Mañá lanzarase este novo servizo en colaboración con National Geographic, cunha retransmisión dende as instalacións da Mars Desert Research Station en Utah, o que permitirá que os espectadores poidan ver como os científicos enfundan os seus traxes espaciais ou percorren a superficie marciana nos vehículos de exploración, axudando así a darse unha idea de como sería a vida dos futuros científicos que iniciarán a conquista de Marte.
Nas vindeiras semanas o servizo Live 360 estará dispoñible para máis páxinas a través da Live API, de xeito que ao longo de 2017 será unha funcionalidade que chegará a un público cada vez maior, facilitando un tipo de retransmisións en directo moi inmersivas.

PUBLICIDADE