Facebook comeza a permitir compartir vídeo de 360 graos

mércores, 23 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Os sistemas de realidade virtual están a impulsar a creación de contido envolvente en vista do seu futuro atractivo, de aí que as plataformas de vídeo na Rede estean a adaptarse para permitir o vídeo en 360 graos, e Facebook confirma a súa aposta polo audiovisual anunciando a introdución deste novo formato no seu sistema, de feito que nos vindeiros días calquera usuario de Facebook poderá ver vídeos de 360 graos na súa web e na aplicación para Android, mentres que os usuarios de iOS deberán agardar uns meses para gozar desta nova prestación.
Esta nova funcionalidade pode resultar moi atractiva para os editores de contidos, que deste xeito poden achegar as súas producións de vídeo envolvente directamente en Facebook, facilitando así a súa reprodución en móbiles, tabletas e ordenadores, aínda que non podemos esquecer que a empresa que desenvolve as lentes de realidade virtual Oculus Rift tamén é propiedade de Facebook, polo que esta xogada podería estar feita pensando en achegar ás mesmas moito contido antes do seu lanzamento comercial en 2016. Actualmente xa hai páxinas como a de Star Wars ou a de GoPro que publican vídeos en 360 graos, cuns contidos moi atractivos que permiten facernos unha boa idea do que achegará o futuro, aínda que resulta bastante discutible se realmente o vídeo deste tipo gozará da complicidade do público, pois o feito de que sexa o propio usuario o que decida o que ve en cada momento usurpa o rol do realizador/director e carga no espectador demasiada responsabilidade, ou sexa, que podería levalo a perder a parte máis importante da acción simplemente por estar a dirixir a mirada cara a outro lado, provocando unha frustración nada desexable. Terán así que desenvolverse novas narrativas que consigan que o vídeo en 360 graos sexa algo máis que a liberdade de elección da perspectiva e achegue simplemente experiencias máis vivas e convincentes, facilitando que o usuario sinta que está dentro da acción.

Os sensores de movemento dos móbiles fan que sexan bos dispositivos para reproducir vídeo en 360 graos

PUBLICIDADE