Facebook estrea en EE.UU. a aplicación Paper, con polémica polo seu nome

luns, 3 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A semana pasada Facebook anunciou que ía estrear unha aplicación para facilitar a lectura de contidos dende dispositivos móbiles chamada Paper, o que levou a FiftyThree a queixarse, por coincidir coa súa aplicación estrela, unha ferramenta de debuxo e anotacións que conseguiu facerse co recoñecemento de Apple como a aplicación do ano 2012 para iPad, pero dende Facebook non parecen querer respectar a unha compañía dun tamaño moi inferior á súa, e hoxe estrea na App Store estadounidense o seu Paper, sen mudar o nome e provocando unha grande confusión entre os usuarios.
Resulta bastante rechamante que Facebook ignore que a aplicación de FiftyThree teña uns 100 millóns de usuarios en todo o mundo, e lanza un produto co seu mesmo nome, dando a entender que considera desprezable unha ferramenta desenvolvida dende unha pequena empresa de New York que conseguiu despuntar a nivel mundial. Dende FiftyThree continúan a pedir que Facebook deixe de empregar a súa marca na nova aplicación, pois pode permitirse rectificar rápido, en vez que quedar como unha empresa xigante que abusa do pequenos.

PUBLICIDADE