Facebook estrea as súas aplicacións oficiais para Windows 10

xoves, 28 de abril do 2016 Marcus Fernández

Inicialmente Facebook só apostaba pola web como plataforma de acceso, e aínda que despois comezou a apostar de xeito firma polas aplicacións móbiles, continuaba a deixar bastante abandonados os escritorios informáticos, pero finalmente superou tal barreira e hoxe presentou as versións definitivas das aplicacións de Facebook e Messenger para Windows 10 de escritorio, así como Instagram para móbiles, de xeito que por fin Facebook abandona a longa fase de proba das súas aplicacións para o último sistema operativo de Microsoft, o que agradecerán os usuarios de infinidade de equipos (entre os que destacan as tabletas con Windows 10, que agora terán un xeito máis cómodo de empregar Facebook e a súa mensaxería no seu dispositivo).
Facebook para Windows 10, aparte de contar cunha aplicación que conta coas principais funcionalidades de Facebook, tamén aproveita prestacións de Windows 10, de xeito que podemos instalar no menú de inicio un atallo á aplicación que funcione a xeito de mosaico dinámico, ou sexa, que presente información relativa a Facebook sen que teñamos que abrir a aplicación.
A nova aplicación tamén está dispoñible en máis linguas (como o español, cando a anterior versión oficial só estaba dispoñible en inglés), inclúe as novas reaccións, conta con stickers nos comentarios, conta coa columna de información de aniversarios e eventos... e incluso integra un navegador web para facilitar ler e compartir varios artigos (xa que fai uso de pestanas) dende a sección de novas.
A aplicación de Messenger tamén é unha importante novidade, xa que permite aproveitar a comunidade da aplicación nativa para manter un contacto rápido cos nosos amigos de Facebook, podendo tamén empregar stickers, conversas de grupo e imaxes GIF, tirando tamén proveito de funcionalidades de Windows 10 como o mosaico dinámico e a integración nas notificacións do sistema.
No caso dos dispositivos móbiles, o grande cambio é que a aplicación de Windows Phone 8 recibe por fin o relevo cunha aplicación oficial para Windows 10, poñéndose á altura do resto de aplicacións móbiles de Instagram. Polo momento os usuarios móbiles de Windows 10 terán que agardar un tempo para poder gozar das aplicacións finais de Facebook e Messenger.

Instagram estrea versión móbil oficial para Windows 10, mentres que Facebook e Messenger fanse de rogar

PUBLICIDADE