Facebook Messenger comeza a integrar videoconferencias

luns, 27 de abril do 2015 Marcus Fernández

Mentres en España estamos a dar moita importancia á estrea das chamadas de voz a través de WhatsApp, nos EE.UU. permanecen bastante alleos a tal novidade, pola baixa penetración de tal ferramenta no seu mercado, mentres que solucións como Facebook Messenger teñen moita mellor acollida, ao que contribuirá a nova prestación que están a incorporar: as videoconferencias.
Dende agora, os usuarios de Facebook Messenger poden iniciar unha videoconferencia a partir dunha conversa con só premer un botón (que presenta a icona dunha videocámara), o que esperan que axude para axilizar certas conversas, que tamén gañan así en complicidade entre os participantes nas mesmas.
O Messenger xa hai tempo que deixaba facer chamadas de voz, pero coa incorporación da videoconferencia non só buscaría adiantar a WhatsApp en prestacións, senón que tamén procuraría quitar unha parte da torta a Skype, aplicación de referencia para este tipo de comunicacións dende hai anos.
Polo momento as videoconferencias funcionan entre smartphones con iOS e Android, e polo momento limitan a súa dispoñibilidade a Bélxica, Canadá, Croacia, Dinamarca, Francia, Grecia, Irlanda, Laos, Lituania, México, Nixeria, Noruega, Omán, Polonia, Portugal, Reino Unido, EE.UU. e Uruguai, chegando ao resto de mercados nos vindeiros meses.


Vídeo de presentación das videoconferencias en Facebook Messenger

PUBLICIDADE