FX presenta unha edición especial en español de Dungeons

venres, 8 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

Dungeons, a exitosa proposta de rol lanzada a principios de ano en EE UU a través dunha edición dixital, chega aos puntos de venda españois, en versión física, da man do selo FX, especializado en xogos de calidade ao mellor prezo posíbel. De feito, os seareiros poderán mercado en edición exclusiva, totalmente en español, por só 9,95 euros. O argumento non é novo, e de feito recolle o espírito do Dungeon Keepers, onde se nos convidaba a protexer calabozos para evitar que os heroes que se quixeran facer cos nosos tesouros non só non chegaran a facelo, senón que aínda por riba morreran.
Así, quen máis quen menos xa se estreou como protagonista de Dungeons en calquera das súas infinitas variedades, aínda que haxa unha chea de elementos comúns: alxubes (calabozos), monstros, tesouros, magos, loitas contra as forzas do mal, trampas e trucos que resolver, fontes de vida para recuperar a saúde, pergamiños máxicos, etc. Entre outras moitas cousas, o xogo inclúe manual a toda cor, acceso a trucos para acadar a vitoria, atención ao cliente en español e, de balde, o DLC Into The Dark, contido extra que se pode descargar da rede para complementar as posibilidades do xogo en si e que, incorpora, á súa vez, novos obxectos, mapas, textos e voces.

PUBLICIDADE