FX Interactive publica a versión internacional de FX Fútbol 2.0 en Steam

luns, 3 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

A xente de FX Interactive leva tendo intentando potenciar a súa tenda de xogos descargables, polo que para moitos foi unha grande sorpresa que a versión internacional do seu FX Fútbol 2.0 veña de estrearse en Steam como FX Eleven, un mánager de fútbol para PC que pode mercarse cun 25% de desconto ata o 7 de febreiro, de xeito que o seu prezo queda en 14,99 euros. Os usuarios que activasen FX Fútbol 2.0 recibirán unha clave para poder activar FX Eleven en Steam.
Estamos ante o primeiro xogo de FX Interactive en Steam, e con este lanzamento vese que buscan chegar a un público global, en vez de centrarse no mercado español como cando fixeron lanzando o primeiro FX Fútbol, título promocionado como o herdeiro espiritual do clásico PC Fútbol.
Este novo xogo en Steam chega coa interface e as voces en español, inglés e italiano; conta con 450 equipos de 27 competicións nacionais e internacionais, máis de 11.700 xogadores únicos, máis de 100 logros persoais para evolucionar aos xogadores, un completo editor de equipos, táboas e estatísticas, toma de decisións en tempo real e liberdade para construír o noso estadio.
Queda agora por ver se a estrea de FX Interactive facilita que algúns dos títulos que distribúe en soporte físico en España totalmente localizados ao español poidan estar tamén na lingua de Cervantes en Steam, onde actualmente podemos atopar xogos como os de Péndulo Studios en inglés.

FX Eleven permítenos personalizar o noso estadio


Trailer de FX Eleven

PUBLICIDADE