FEUGA organiza un obradoiro de xestión da I+D+i a través do coñecemento da Web 2.0

luns, 13 de abril do 2009 Raquel Noya

Din os profesionais do sector que “a revolución dixital está a cambiar o xeito de facer negocios e tamén de innovar”. A web 2.0 está máis presente que nunca tanto nos mercados como na sociedade en xeral e isto tradúcese nunha maior esixencia de protagonismo das empresas na Rede por parte das novas xeracións de usuarios e de consumidores.
Neste senso, a Fundación Empresa Universidade Galega, FEUGA, vén de anunciar a organización dun obradoiro de sistemas de xestión da I+D+i das empresas galegas (documento PDF) a través do coñecemento da Web 2.0 e do modelo de innovación 2.0.
Este curso, que ten como principal obxectivo promover a renovación dos sistemas de xestión da innovación das nosas empresas, vaille permitir aos asistentes, participar dunha reflexión “verdadeira, profunda e de utilidade práctica” sobre asuntos clave relacionados cos novos modelos de xestión da I+D+i nos tempos de Internet, aportándolles as ferramentas precisas “para innovar máis e mellor nas súas respectivas organizacións”.
Porén promover a renovación dos sistemas de xestión da I+D+i das empresas galegas a través do coñecemento da Web 2.0 e do modelo de innovación 2.0 non é o único obxectivo deste obradoiro que promove FEUGA, senón tamén fomentar a intelixencia colectiva para innovar mediante a análise de exemplos e ferramentas que promovan a “innovación participativa”.
Asemade, o curso pretende, entre outras cousas, estudar as premisas da innovación “aberta” e do traballo en liña, así como analizar e aplicar modelos de desenvolvemento de produtos e servizos innovadores “que cumplan as condicións de liberdade para o usuario”.
A actividade terá lugar a partir do vindeiro 21 de abril e vai dirixida a empresarios, directivos, persoal técnico e xerentes de empresas interesados na área de I+D+i así como a persoal docente e investigador que traballen neste eido.
O prezo do curso, que ten como data límite de inscrición o vindeiro 14 de abril, é de 275 euros, cun desconto do 10 por cento para os socios de FEUGA e as empresas do CEDE FEUGA.
O prezo inclúe a documentación, os cafés e un certificado.

PUBLICIDADE