FECYT pon en marcha unha votación en liña para definir o significado da innovación

xoves, 10 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Falamos moito de innovación, pero non falamos tanto de en que consiste a innovación. En definitiva, danse moitas cousas por sentadas, coma en case todo. Pórlle remedio a isto e comezar dende onde se debe, dende o principio, é o obxectivo da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECY, este novembro moi atarefada coa Semana da Ciencia e agora de novo á carga cunha iniciativa que convida aos internautas españois a votar, na Rede, o reto que consideran máis importante para que unha empresa se poida chamar propiamente innovadora. Podemos velo xa nun dos apartados da web FECYT, onde se nos presentan os retos de nove firmas que os superaron: Abegona, Barceló, CLH, Ficosa, Idealista.com, Grupo Mtorres, Zinkia e as galegas Pescanova e Zeltia.
A FECYT aléntanos nesta web a votar pola estratexia innovadoramente máis destacábel. Poderemos facelo até o 2 de decembro e co aliciente de que pode que sexamos obxecto, só por participar, dun agasallo que nos colle de preto, tematicamente: un iPad. O concurso preséntase baixo a seguinte pregunta: que é para ti unha actitude innovadora? O obxectivo do mesmo é promover que os cidadáns reflexionen sobre as oportunidades e os desafíos que ofrece a creatividade empresarial. A votación tamén se levará a cabo na estación de Atocha, en Madrid, no stand da FECYT no marco do INNAC. A xuízo da Fundación, esta é a mensaxe que se lle quere lanzar aos internautas: “A innovación é o único camiño que garante a sustentabilidade das nosas empresas e, tamén, das nosas institucións, e por iso a FECYT quere sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre a necesidade e beneficios da innovación”.

PUBLICIDADE