Arranca a Semana da Ciencia con actividades divulgativas en todo o Estado

venres, 4 de novembro do 2011 Raquel Noya

Logo de dar conta da gran afluencia de público que rexistraron nos pasados anos as actividades organizadas en todo o Estado con motivo da Semana da Ciencia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) repite experiencia un ano máis, e entre o vindeiro 7 e 20 de novembro vai celebrar unha chea de eventos e actividades do máis variado que xiren en torno ao apaixoante mundo da ciencia.
En total serán unhas 260 actividades as que se leven a cabo por toda España, que debullándoas resultan ser 50 talleres, 30 exposicións, 55 xornadas de portas abertas e visitas guiadas, 90 mesas redondas e relatorios; así como demostracións interactivas, teatro, cine e debates de balde, dirixidos a facerlle pasar un anaco agradable a tódalas persoas asistentes.
A edición deste ano, a undécima, abarca tódalas áreas do coñecemento, porén fai especial fincapé na química por seren este o Ano Internacional da disciplina.
Desta maneira, a química vai estar presente nunhas 80 actividades a celebrar en todo o Estado, e compartirá protagonismo coa temática forestal, pois no 2011 tamén se celebra o Ano Internacional dos Montes, polo que moitas actividades divulgativas xirarán en torno a este tema.
A Semana da Ciencia é, dende hai tempo, unha das citas máis importantes do ano no campo da divulgación científica, que logra achegar as súas disciplinas a persoas de tódalas idades grazas a que bota man da diversión e do entretemento para transmitir o saber.
As actividades organizadas polo CSIC para a Semana da Ciencia contan coa axuda da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e as Comunidades Autónomas, e aquí na nosa, sen ir máis lonxe, a entidade pública centrará parte das súas actividades nos montes e na biodiversidade.
Xa que logo, no noso país, o CSIC vai celebrar unha serie de talleres científicos organizados no Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, nunha campaña que leva por nome Biodiversión 2011.
Este ciclo de actividades irá dirixido a estudantes de educación primaria, os cales tamén poderán participar en sendos concursos de fotografía e de debuxo, cos que achegarse ao mundo dos montes.
Asemade, os escolares galegos poderán aprender a extraer o ADN dunha cebola ou a facer un petroglifo, actividades que tamén forman parte do programa do CSIC, e que só no noso país convocarán a máis de 2.000 persoas.

PUBLICIDADE