Expertos en cibermedios coinciden na imparable caída dos xornais impresos

venres, 28 de novembro do 2008 Marcus Fernández

O Colexio Profesional de Enxeñeiros en Informática de Galicia organizou o pasado xoves unha xornada sobre O Impacto das TIC no Exercicio do Xornalismo, na que podería ser o primeiro paso nunha longa traxectoria de colaboración entre xornalistas e enxeñeiros informáticos, e que comparado con outros encontros sobre o ciberperiodismo poderiamos dicir que destacou porque entre os presentes había unha unanimidade case absoluta sobre o feito de que o futuro do xornalismo vai ser dixital, deixando totalmente a un lado as tópicas discusións sobre a integración das redaccións dixitais e tradicionais en medios impresos ou se existe un conflito entre blogueiros e periodistas.

Flores Vivar centrou o seu relatorio a Infomorfosis ou revolución dos medios impresos en dixitais

O primeiro relatorio da xornada, impartido polo profesor de Xornalismo da Universidade Complutense de Madrid Jesús Miguel Flores Vivar, centrouse no proceso de reinvención no que está sumido o xornalismo dixital e instou aos periodistas a estar a reciclar os seus coñecementos constantemente para poder adaptarse a un futuro que xa está presente hoxe.
Pola súa banda, o director de portal Culturagalega.org e profesor asociado da USC, Manuel Gago Mariño (especialmente coñecido na Internet galega polo seu blogue Capítulo 0) centrou a súa intervención no proceso de adopción da tecnoloxías, considerando que os xornalistas do futuro non deben dedicar a súa educación unicamente a ampliar coñecementos, senón que deberían optar por adquirir actitudes e destrezas que lles permitan adaptarse á evolución dos medios que, segundo Pedro García-Alonso, profesor da Universidade Complutense de Madrid, están a vivir o maior salto cara adiante dende a chegada da imprenta.
García-Alonso deu especial importancia á pouca actitude que había en España en favor das TIC, especialmente no sector da docencia, onde aínda queda moito por mellorar no establecemento de diálogos con alumnos.
Tamén foi de especial interese unha mesa redonda na que representantes de distintos medios (e dunha consultora) daban as súas impresións sobre o estado actual do xornalismo e o futuro que lle agarda, coincidindo os presentes (pese a provir de medios moi diferentes) no feito de que o periodismo orientado a ciclos de actualización de 24 horas non ten futuro.
Carlos Agulló, subdirector de La Voz de Galicia e responsable da edición dixital do xornal chegou a asegurar que a versión impresa da súa cabeceira parece destinada a desaparecer, pero iso será bastante máis tarde que outros medios porque boa parte do público de La Voz non chegará a saltar a fenda dixital, polo que continuarán sendo fieis á súa edición impresa (compartindo co consultor Juan Varela que o auténtico impulsor da morte do papel é a penetración da banda larga).

Juan Varela sostén que a banda larga é a variable que tarslada os lectores do papel á Internet

Juan Castro Rodríguez, promotor da plataforma multimedia Galiciae.com, explicou cómo naceu o medio para o que traballaba nun intento de rematar cun minifundismo mediático (agrupando varias cabeceiras pequenas nunha única carca baixo a Internet) e tamén manifestou a idea de que para que os xornais sobrevivan é preciso que sexan capaces de cambiar o seu ADN, chegando incluso a afirmar que no caso de popularizarse os lectores de libros electrónicos seguirían estando obsoleto o formato de publicación tradicional, e a actualización constante sería imprescindile (de aí que on habería diferenza entre unha web e un libro de papel electrónico).
Roberto Noguerol pola súa banda falou da experiencia de Vieiros e a súa aposta par buscar a complicidade do público a través de distintas iniciativas participativas. Tamén criticou as subencións a moitos medios por crear unha estrutura clientelar que debería erradicarse de Galicia.
Pero pese ás visións particulares de cada negocio, se comentou en varias ocasións as necesidade de atopar un modelo de negocio que permite manter os medios de comunicación dixitais a medio/longo prazo, o que pdodería ser a fin do todo gratis tan popular na Internet.
Para rematar, e falando sobre este último tema, Juan Varela insistiu no asunto de que o único modelo de negocio na Internet non pode ser o de Google, polo que haberá que buscar novos xeitos de rendibilizar a creación de contidos.
Finalmente Varela comentou que os únicos interesados en saber o que vai ser do papel son os involucrados na súa produción, xa que ao público o que le interesa son os contidos e a loita pola supervivencia dun soporte non é algo que lle resulte de especial interese. Pero do que non cabe dúbida é de que o fenómeno ao redor da Internet é imparable e supervivencia do papel é algo difícil de concretar, especialmente nun momento no que a conxuntura económica é adversa, o que podería cambiar rapidamente.

PUBLICIDADE