Este venres estréanse na Coruña os Cafés de Iniciador Galicia

xoves, 27 de setembro do 2012 Marcus Fernández

A xornada de mañá no que se refire a encontros do ámbito TIC galego vai resultar movida na cidade da Coruña, pois aparte dunha nova edición da LaconNetwork en Novo Mesoiro, veñen de convocar a primeira edición dos Cafés de Iniciador Galicia, iniciativa nacida dos #OpenCoffee celebrados hai un meses e que xuntaba a profesionais do sector tecnolóxico (ou relacionados co mesmo) ao redor dun café, contando cun relator convidado, e contribuíndo á realización de networking como vén a ser habitual neste tipo de eventos.

A sala privada do BRIT Coruña acollerá esta primeira edición dos Cafés de Iniciador Galicia

Tras a incorporación do promotor dos #OpenCoffee, Luis García-Rosales, ao equipo de traballo de Iniciador Galicia, decidiron tender pontes entre ambas iniciativas, e así nacen estes novos encontros que se estrearán mañá ás 17:00 horas no BRIT Coruña de Los Cantones Village, concretamente no salón privado do local, sito no seu piso superior e con vistas ao mar, para facer máis agradable este tipo de xuntanzas. A relatora desta primeira edición dos Cafés de Iniciador Galicia será María Nieto, directora da axencia e-Me Comunicación e colaboradora de SocialDocs, Onda Cero e +Galicia, así como editora da páxina web Coruña en Directo.
Os interesados en acudir a este encontro poden comunicalo por correo electrónico para que a organización poida facer unha previsión do número de asistentes.

PUBLICIDADE