Este venres comeza a segunda edición das xornadas da UDC sobre mulleres e videoxogos

xoves, 1 de outubro do 2020 S. P.

A Universidade da Coruña organiza este mes de outubro, entre este venres 2 e o vindeiro día 9, a segunda edición das xornadas Mulleres detrás dos videoxogos. Trátase dun programa de charlas divulgativas e ilustrativas (botando luz sobre a importancia de achegar unha óptica feminina nunha industria arestora tan puxante) impulsado pola Facultade de Ciencias da Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) e o Campus Innova, e financiada polo Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades.
O programa, que será integramente online, combina relatorios e faladoiros en directo, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e unha exposición virtual sobre pioneiras dos videoxogos.
A xornada dará comezo o venres 2 de outubro ás 16.30 horas horas coa benvida do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e as intervencións de Teresa Piñeiro, como representante da organización das xornadas; Susana Ladra, directora do Campus Innova; e Beatriz Gimeno, directora do Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades.
A continuación, o evento continuará coa conferencia Las aportaciones de las mujeres a las tecnologías digitales, da man de Cecilia Castaño, Catedrática de Economía Aplicada e co-directora do Máster sobre Igualdad de Género en la Perspectiva de las Ciencias Sociales da Universidad Complutense de Madrid; e unha conversa entre Jane McGonigal, directora de Game Research and Development no Institute for the Future de Palo Alto (California), e Luz Castro, profesora da Facultade de Comunicación da Universidade da Coruña, cofundadora de Imaxin|Software e directiva de Videoxogo.gal.
Desde o luns 5 ao xoves 8 de outubro a xornada acollerá diversas actividades diferidas como a exposición virtual Mulleres e videxogos. Pioneiras ou as vídeo-charlas de Eurídice Cabañes, directora executiva de ArsGame; Susana Broullón, artista senior en King; e Eva Cid, crítica especializada en videoxogos.
A xeito de remate, o venres 9 de outubro, ás 13:00 horas, celebrarase o faladoiro Talento galego na industria dos videoxogos no que participarán Dhaunae De Vir, desenvolvedora de Negocio en Paradox Interactive, e Carla Bolaños, deseñadora UX en Monster Interactive e estudante do Mestrado en Deseño, Produción e Comercialización de videoxogos da UDC.

PUBLICIDADE