Este ano teremos Rock Band 4 para Xbox One e PlayStation 4

xoves, 5 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Nas últimas semanas xurdiron rumores que apuntaban a que as franquías de Rock Band e Guitar Hero estaban a preparar o seu retorno, e o ruxerruxe parecía estar máis que fundado, tal e como confirmaron hoxe dende Harmonix, compañía que anunciou que este mesmo ano lanzará Rock Band 4 para Xbox One e PlayStation 4, cunha agradable sorpresa para os anteriores seareiros da saga: os contidos descargables (temas musicais) adquiridos até o momento manteranse dispoñibles nas consolas da actual xeración, evitando que os xogadores máis fieis teñan que volver pagar polas súas cancións favoritas (pois o novo xogo será compatible coas máis de dúas mil cancións publicadas dende 2007 para os xogos de Rock Band).
A cousa non queda aí, senón que tamén adiantan que Mad Catz acompañará a Harmonix no lanzamento de Rock Band 4 con novos instrumentos para as novas consolas, e incluso estará dispoñible un lote coñecido como Band In A Box que incluirá o xogo de Harmonix xunto a unha guitarra sen fíos inspirada nunha Fender Stratocaster, unha batería sen fíos e un micrófono, aínda que os usuarios que non queiran montar un grupo musical no seu fogar tamén poderán optar por lotes máis sinxelos como o que só inclúe a guitarra e o xogo.


Vídeo co que Harmonix anuncia a volta de Rock Band

PUBLICIDADE