Esta semana lanzarase o sucesor espiritual de Flappy Bird

martes, 19 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Tras o regreso de Flappy Bird como un xogo competitivo para televisores, temos agora que dende Touch Arcade dan conta do vindeiro título de Dong Nguyen, que sería o sucesor espiritual de seu grande éxito, conservando a súa dificultade extrema e combinándoa cunha mecánica semellante á doutros éxitos como Doodle Jump, xa que Swing Copters será un xogo no que mediante toques en pantalla poderemos guiar o voo dunha pequena criatura cunha hélice ao máis puro estilo do gorrocóptero de Doraemon que deberá chegar ao máis alto posible esquivando plataformas e uns martelos en movemento.
Este novo xogo promete ser aínda máis difícil que Flappy Bird, e está previsto que chegue ás tendas de descargas o vindeiro xoves como descarga de balde coa posibilidade de pagar 0,99 dólares para eliminar a publicidade integrada na aplicación. Nguyen confirmou que o seu novo xogo estará dispoñible tanto para iOS como para Android.

Swing Copters parece unha fusión entre Flappy Bird e Doodle Jump


O xogo en acción por cortesía de Touch Arcade

PUBLICIDADE