Entra en vigor o proceso que permite as portabilidades exprés

venres, 1 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O ano pasado a Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), en cumprimento coa Directiva 2009/136/CE, aprobou os procedementos para que os operadores de telefonía móbil puideran facer as portabilidades de liña dun xeito áxil, que entra en vigor hoxe mesmo. Deste xeito, cando un usuario pida un cambio de compañía un luns, este será efectivo entre as 2 e as 6 da madrugada do mércores seguinte, ou sexa, que sería en pouco máis dun día, aínda que no caso de facerse a solicitude a partires do xoves, terá que agardar ao luns seguinte para que se complete a portabilidade.
Agárdase que este novo procedemento afecte seriamente á práctica dos amagos de portabilidade, de xeito que os usuarios que finxen marchar da súa compañía para que o seu operador busque repescalo con algunha oferta ou cun terminal novo van ter difícil saír coa súa, pois a fiestra de reacción por parte das compañías vese reducida considerablemente.
De todos os xeitos, cómpre destacar que a axilidade do procedemento é opcional, de xeito que un usuario pode solicitar que a portabilidade solicitada un día en concreto non sexa efectiva ata varios días despois, evitando así as dificultades que pode provocar non recibir a súa nova tarxeta SIM a tempo ou para que non coincida o proceso cun viaxe ou calquera outro elemento que poida dificultar a transición de compañía.
Tras a entrada en vigor do novo procedemento FACUA lembra que os usuarios que sufran retrasos na migración non recibirán indemnización, algo que critican duramente, en boa medida porque os operadores si se indemnizan entre eles cando hai incidencias nas portabilidades.

Esquema da CMT sobre o novo procedemento de portabilidade móbil

PUBLICIDADE