Endurecen o regulamento das mensaxes de texto de tarificación adicional

luns, 22 de xuño do 2015 Redacción

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo publica hoxe unha Orde Ministerial que modifica o regulamento dos servizos SMS Premium co obxectivo de mellorar a protección aos usuarios de telecomunicacións, incrementando a información que recibe o usuario dos servizos SMS Premium, tanto antes de contratalos coma durante a súa contratación, de xeito que os servizos SMS Premium sexan contratados de xeito consciente, informado e voluntario.
Esta modificación débese ás reclamacións reiteradas dos usuarios recibidas en asuntos como a contratación e subscrición destes servizos de xeito non consentido que se producen ao navegar por internet onde se lle solicita o seu número de teléfono móbil baixo a falsa promesa de recibir algún contido de balde. Por recibir mensaxes cuxo identificador é un SMS Premium, co que ao contestar pode contratar este servizo inadvertidamente e finalmente mediante a instalación de aplicacións nos teléfonos móbiles do usuario onde acepta que lle envíen de modo automaticamente mensaxes SMS Premium de maneira que o usuario poida non percibilo.
Para rematar con estas prácticas, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo aprobou a Orde Ministerial que modifica a Orde ITC/308/2008 do 31 de xaneiro, pola que se ditan instrucións sobre a utilización de recursos públicos de numeración para a prestación de servizos de mensaxes curtas de texto e mensaxes multimedia.
A Orde impón a obriga de que a contratación de servizos SMS Premium de subscrición só poderá realizarse mediante a marcación directa do número telefónico polo usuario no teléfono móbil. Isto implica que queda prohibida a contratación de subscricións a través de Internet.
Tampouco poderán contratarse servizos a través da instalación no teléfono de aplicacións que xeran mensaxes de xeito automático, sen a necesaria marcación do usuario e sen o seu consentimento.
Unha nova prohibición que establece a Orde consiste en impedir que un número de tarificación adicional SMS Premium figure como número identificador de mensaxes que reciba o usuario. Deste xeito, impediranse fraudes como incitar o usuario a contestar a estas mensaxes mediante a opción responder, sen ser conscientes de que se trata de mensaxes con tarificación adicional.
Polo tanto refórzase a protección dos usuarios no uso destas aplicacións e servizos, de modo que a contratación dos servizos se realice só coa garantía de que o usuario está plenamente informado e accede de xeito consciente e totalmente voluntario.

PUBLICIDADE