En marcha Piratas de Galicia para loitar a prol da liberdade na Internet

luns, 6 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

Imaxe dos fundadores de Piratas de Galicia publicada en La Voz de Galicia

Xa temos na nosa terra unha iniciativa equivalente ao Partido Pirata, ou Piratpartiet, esa organización sueca que baixo a bandeira do libre intercambio de información na Rede e da man de Christian Engström conseguiu, entre outros logros a ter en conta, facerse cun oco na Eurocámara. A versión galega desta proposta, con todo e malia ser herdeira da fronte nórdica, ten as súas particularidades, e está ben que así sexa. Pirata.gal aposta de cheo pola democracia participativa e semella beber aínda máis das fontes do 15-M, que, como todos sabemos, basea unha boa parte do seu poder de convocatoria no potencial das redes sociais. “Votándolle a Pirata.gal”, sinalan os promotores da iniciativa, “estás a votar por ti mesmo”.
Na páxina web desta nova fronte político-internauta sinálase outro piar ideolóxico a ter en conta: a defensa dos dereitos e liberdades dos cidadáns, cada vez máis na picota se temos en conta o que se nos di dende as plataformas sociais acerca do que queren facer as grandes corporacións, collidas da man dos Gobernos que máis lles fan as beiras, con todo o que teña que ver co fluxo da información.
Outro dos piares, tal e como se dá a entender no propio nome da iniciativa, é unha aposta clara pola actualización das leis de patentes e de dereitos de autor á época e contexto actual, “actualización”, infórmase, “que permita mellorar a innovación así como preservar os dereitos dos autores mentres se garante o acceso da cultura á cidadanía”. Piratas de Galicia tamén defenderá a base de liberdade que asenta a Internet que coñecemos, a súa neutralidade, así como todo o que teña que ver cos movementos de software libre e programación aberta, unha liña de achega informática menos gravosa para a cidadanía que a do software pechado, que nos obriga ao pago de licenzas.

PUBLICIDADE