Elogia estrea o novo sistema de publicidade social de Google

xoves, 28 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

As novas dependencias de Elogia no centro de Vigo

Elogia, empresa socia da entidade galega Ineo e con forte presenza de profesionais da nosa terra (incluíndo base de operacións no centro de Vigo, recentemente inaugurada), vense de apuntar un tanto no aproveitamento do novo recurso publicitario de Google en materia 2.0. A estratexia, levada a cabo coa axencia de viaxes en liña lastminute.com (da que temos falado nesta web con motivo das súas vantaxes para achar ofertas de voo a baixo custe), consistiu na primeira campaña publicitaria en España que se sostén sobre os modelos sociais de Google AdWords. Falamos polo tanto de anuncios gráficos que extraen contido de xeito automático da rede social Twitter, de aí o seu nome: Google Twitter Ads.
Logo deste proceso, publícanse en todo o tecido display do buscador. Para entendérmonos, en base a este sistema cada movemento dun anunciante na súa conta de Twitter transfórmase nunha peza publicitaria de Google.
Segundo se conta dende Elogia, "é un orgullo ser os primeiros en España en probar este atractivo formato". Pola súa banda, o director xeral de lastminute.com en España, Joan Roca, comentou ao respecto que "esta iniciativa forma parte da nosa estratexia para desenvolver as canles de Social Media, que cremos fundamentais para o posicionamento da compañía". No que atinxe a Google, dicir que o buscador ten moitas esperanzas depositadas no seu servizo Google Twitter Ads, ao que considera unha ferramenta imprescindible para acadar a máxima repercusión posible en campañas de publicidade directa con clientes que varíen as súas influencias e intereses de xeito continuo, ampliándose en boa medida a cantidade público obxectivo.

PUBLICIDADE