Elogia estrea a oficina ideal en Vigo

luns, 28 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Elogia, empresa centrada na publicidade en liña con ampla presenza de profesionais galegos (sobre todo a través de GaliciaBanner, integrada recentemente en Elogia), inaugurou o pasado venres a súa nova oficina en Vigo, máis polo miúdo no terceiro andar do número 17 da Praza de Compostela. As novas dependencias de Elogia, empresa recoñecida como mellor axencia do seu sector segundo os e-Commerce Awards, responden ao proceso de medre experimentado pola empresa nos últimos anos, que en Vigo se materializou na incorporación de 19 traballadores novos no período que vai de 2007 ao día de hoxe. A presentación oficial da nova sede Elogia na cidade galega contou coa presenza dalgúns dos principais anunciantes do tecido empresarial galego, como Purificación García ou Inditex, amais de senlleiros membros do noso eido produtivo: Pizza Móvil, Pescanova, a Escola de Negocios NCG, Novacaixagalicia, a Fundación Barrié, o Club Financeiro, a Confederación de Empresarios de Vigo ou Ineo.
A oficina, de 380 metros cadrados, ocupa todo un andar e reserva espazo para un incremento de persoal nos vindeiros meses. Segundo informa a empresa, “inspírase en modernos modelos de oficina aberta, xa instaurados dende hai dous anos na oficina de Elogia en Barcelona, que lembran na súa execución a outras empresas do sector tecnolóxico coma a popular Google, Facebook e outras compañías de Internet nos Estados Unidos”. Inclúe entre outras cousas un espazo principal de grandes dimensións abertas que atesoura, en consonancia de tamaño, tres mesas de traballo, tres salas de xuntanzas, cociña e un comedor.
Tamén hai áreas de lecer, cunha zona con futbolín e asentos informais para o merecido relax entre tarefa e tarefa. As cores que se impoñen son as propias de Elogia e da súa imaxe de marca: o branco e o vermello. Para Rubén Ferreiro, CEO de Elogia, esta inauguración “é o froito do traballo coidado de moitos meses no deseño da nova oficina”.

Na nova oficina non falta unha zona de espallamento con futbolín

PUBLICIDADE