Electronic Arts merca o estudio Glu Mobile

martes, 9 de febreiro do 2021 Marcus Fernández

Electronic Arts vén de pechar unha das operacións de compra dun estudio de videoxogos máis grandes dos últimos anos ao facerse con Glu Mobile valorando esta empresa especializada en videoxogos para móbiles en 2.100 millóns de dólares, de xeito que os accionistas de Glu recibirán 12,5 dólares por cada participación, o que supón un 36% máis do valor de peche das accións o pasado día 5.
Con esta compra Electronic Arts busca mellorar a súa posición no mercado dos videoxogos móbiles. A suma de ambos negocios móbiles tería movido 1.320 millóns de dólares nos últimos 12 meses, polo que podemos entender que a compra de Glu será unha operación que poderá descontarse en pouco tempo, beneficiándose as compañías non só da suma dos seus catálogos, senón tamén dos seus talentos, de xeito que Electronic Arts poderá desenvolver xogos de distintos xéneros orientados ao móbil que faciliten a ampliación do público desta compañía a nivel mundial.
Glu Mobile ten colleitado grandes éxitos con xogos como Disney Sorcerer’s Arena, WWE Universe, Diner Dash Adventures, Cooking Dash, Deer Hunter ou Kim Kardashian Hollywood; conta con estudios en San Francisco, Canadá e na India; e dos seus preto de 800 empregados 500 serían desenvolvedores de xogos móbiles, polo que falamos de equipos de traballo dos que EA poderá tirar bo proveito continuando a traballar na súa liña actual e aproveitando as posibilidades de integrarse nunha compañía maior para progresar a explotar distintas propiedades intelectuais.

PUBLICIDADE