Electroactiva trae a Compostela as últimas novidades en electrodomésticos

luns, 3 de novembro do 2008 Raquel Noya

Andrés Pérez e Mónica Seijo durante a presentación da Feira no Club Internacional de Prensa.

O Club Internacional de Prensa con sede en Santiago de Compostela, vén de dar acollida á presentación da VII edición da Feira Electroactiva, que terá lugar o vindeiro sábado día 8 de novembro no Multiusos Fontes do Sar da capital galega.
Este evento, que organiza tódolos anos por estas datas o Grupo Comercial Galego Grucoga (responsable das cadeas Activa Galicia e Decoractiva en Galicia), servirá para presentar as últimas innovacións do sector dos electrodomésticos no noso país, tales como softwares de deseño de cociñas ou solucións para mellorar a imaxe e distribución das tendas de venta ao público.
ElectroActiva vai dirixida aos profesionais do sector dos electrodomésticos, informática e telefonía móbil e contará coa participación de preto de corenta expositores entre os que se atopan os principais fabricantes do mundo. Asemade, a organización agarda superar o grao de participación con respecto a anos anteriores, ao ter convidados para este evento a preto de 2.000 establecementos do sector de electrodomésticos e mobles de cociña.
Esta feira sectorial, a única destas características que se celebra en Galicia, presenta grandes novidades nesta edición, tales como un “show cooking” en directo da man do recoñecido cociñeiro Rafel del Castaño, profesor do Centro Superior de Hostalería de Galicia ou o relatorio Decisión para o éxito, que impartirá o ciclista profesional galego Óscar Pereiro, gañador do Tour de Francia 2006.
Os asistentes poderán, entre outras cousas, presenciar demostracións dos produtos, contactar cos representantes das marcas ou enterarse das tendencias nacionais de consumo segundo datos dun estudo anual de referencia para o sector, que tamén vai ser presentado neste evento.

PUBLICIDADE