Docuten xunta forzas con Canon a prol da dixitalización empresarial

xoves, 14 de decembro do 2023 Redacción

Canon España chegou a un acordo coa compañía coruñesa Docuten para potenciar a dixitalización das empresas a través da sinatura dixital e a facturación electrónica. Ademais, este acordo tamén ten como obxectivo facilitar a adopción da nova Lei Crea e Crece, que fará obrigatorio este tipo de facturación a empresas e autónomos, equiparando a súa situación co que xa sucede no ámbito da Administración Pública.
Docuten, novo socio tecnolóxico de Canon tras a firma deste acordo, especialízase precisamente en impulsar a dixitalización administrativa e eliminar o papel de todo tipo de organizacións a través dos servizos xa comentados de facturación electrónica e sinatura dixital.
“Este acordo pon en manifesto o traballo que desde Canon estamos a realizar para potenciar o máximo posible a nosa área de solucións, Canon Information Management Solutions. Todo tipo de empresas debe facer fronte á dixitalización, non só para adaptarse ás novas normativas legais, senón para manter a súa competitividade nun mercado cada vez máis complexo e tecnoloxicamente avanzado”, explica Eva Sánchez-Caballero, Head of Solutions en Canon.
Froito deste acordo, a solución de Canon para a xestión de contidos, documentos e procesos empresariais Therefore intégrase coa plataforma de factura electrónica de Docuten, facilitando aos usuarios o acceso e a xestión destes documentos desde unha mesma plataforma.
Therefore é unha das solucións máis relevantes de Canon Information Management Solutions. Permite protexer os datos empresariais nun repositorio dixital central accesible en todo momento. Tamén permite capturar a información de arquivos dixitais ou en papel, así como de formularios electrónicos, para, unha vez arquivada, poder automatizar e optimizar moitos dos principais procesos empresariais.
Con esta solución, doada de adoptar polos usuarios, flexible e integrable con outras aplicacións da empresa, as compañías ven incrementada, non só a súa produtividade grazas á automatización de procesos documentais, senón tamén a validez dos ditos documentos, podendo acceder aos mesmos de forma segura en calquera momento e lugar.
Brais Méndez, director xeral de Docuten, destaca que este acordo de colaboración con Canon “supón unha gran oportunidade para acelerar a transición dixital de moitas empresas, ao poñer á súa disposición ferramentas e servizos de eficacia comprobada que ofrecen múltiples posibilidades, caracterizadas pola máxima seguridade e garantía no seu funcionamento”.

PUBLICIDADE