Vitae bríndanos en maio a 3ª edición do curso de proxectos con metodoloxía PM2

martes, 16 de abril do 2024 S. P.

A consultora galega Vitae organiza este mes de maio a terceira edición do curso Xestión de Proxectos baixo a Metodoloxía PM2 da Comisión Europea. Celebrarase en formato de aula virtual os días 21, 22, 23, 27 e 28 de maio de 2024. Segundo explica Vitae Consultores, o concepto Project Management Methodology (PM2) é un método estruturado de xestión de proxectos asociado a un programa de certificación de profesionais creado polo Centre of Excellence in PM (CoEPM2) da European Commission.
Apoiada pola Project Support Network (PSN), PM2 é a metodoloxía de xestión recomendada polo Goberno da Unión Europea (EU) para todos os proxectos que financia ou subvenciona. Promovida pola iniciativa Open PM2, a metodoloxía recompila e recomenda modelos, procedementos e artefactos para xestionar proxectos, programas e portafolios.
Ademais, PM2 integra métodos estruturados e áxiles, recomendando un comité de seguimento do proxecto e a división do seu ciclo de vida en cinco etapas.
O curso está directamente orientado á aprendizaxe dos conceptos básicos da metodoloxía PM2 mediante a súa aplicación a casos prácticos. A maiores, os contidos do curso tamén permiten aos alumnos superar o exame das dúas certificacións básicas ofrecidas polo CoEPM2 e PM2 Alliance, a asociación profesional dos usuarios da metodoloxía. Trátase das credenciais PM2 Basic e PM2 Agile, en palabras de Vitae “moi útiles para todos os que desexen incorporarse á profesión de director de proxectos en calquera sector industrial”.
O curso está dirixido a xerentes, líderes e membros de equipo de proxecto. Tamén é relevante para calquera outro persoal involucrado na definición, desenvolvemento e entrega de proxectos como, por exemplo coordinadores de equipos, membros de xuntas de proxecto, propietarios de produto, mestres facilitadores, xerentes de aseguramento da calidade, analistas de negocio, xestores do cambio e persoal de oficinas de xestión de proxectos, programas e portafolios.
Esta actividade formativa ten unha duración de 15 horas repartidas en 5 sesións de 3 horas. Gravaranse as sesións para poder consultalas de forma ilimitada unha vez finalizado o curso. Sera impartido por Javier Sanz, profesional tecnolóxico con máis de 25 anos de experiencia en servizos de apoio á dirección. É consultor especialista en Projects&Process Management. Ademais, é licenciado en Ciencias Matemáticas (MIA), Master in Bussines Administration (MBA), Certificado de Aptitude Pedagóxica (CAP) e posúe o Diploma de Estudos Avanzados (DEA) e varias credenciais profesionais. Javier Sanz é un dos membros fundadores do PMI España e da fundación do capítulo de PMI Madrid, sendo un dos pioneiros na xestión de proxectos en España. Nos dez últimos anos Javier Sanz preparou a máis de 1.500 profesionais para a obtención de credenciais PMI en varias empresas multinacionais (Indra, Orange, Mapfre, ISBAN, TYPSA, Técnicas Reunidas, etc). Actualmente traballa como profesor destas materias na Escuela de Caminos, Canales y Puertos de Madrid. Tamén é profesor de dirección de proxectos en varias universidades (UNAV, UV, UPC, etc.) e escolas de negocios (EAE, ESDEN, IEP, etc.).

PUBLICIDADE