Dispoñible de balde unha guía interactiva sobre o Camiño para trebellos de Apple

mércores, 4 de agosto do 2010 Fernando Sarasketa

O Monte do Gozo (Santiago) vén de acoller a presentación dun novo desenvolvemento galego dirixido a unir dous mundos teoricamente afastados pero na práctica ben compatibles: as ferramentas dixitais e todo o que rodea, cultural, turística e comunicativamente falando, ao Camiño xacobeo. Estamos a falar da iniciativa O Camiño en GPS, aplicación para iPhone e iPod Touch que pode descargarse de balde da App Store e que nos permite, entre outras moitas cousas e sempre e cando carretemos algún destes trebellos, levar connosco a tempo completo un guía turístico virtual do Camiño. Esta ferramenta, desenvolvida pola firma viguesa Bluguía, apóiase en tecnoloxía GPS (posicionamento por satélite), o que permite situar a nosa posición exacta no Camiño e, en virtude diso, saber o que nos ofrece ese punto en materia de cultura, servizos ou turismo, e todo de xeito interactivo.
Trátase, ademais, dun sistema multimedia, apoiado en información textual (xerada en base a un labor exhaustivo de documentación que incluíu o percorrido físico da ruta até en tres ocasións) pero tamén en vídeos (1.500 arquivos) e imaxes (100.000 fotografías do itinerario). A ferramenta, que se ofrece polo de agora en galego, castelán e inglés (a idea é deixala aberta para a incorporación de máis recursos e servizos), foi presentada polos responsables da empresa no Monte do Gozo, nun acto que contou coa presenza de Javier Guerra, conselleiro de Economía, Ricardo Capilla, director xeral de I+D e Ignacio Santos, director xerente do Xacobeo. O apoio da Xunta non se limitou a dala a coñecer, xa que O Camiño en GPS é unha iniciativa deseñada e posta en marcha no marco das axudas convocadas polo Goberno galego co obxectivo de incentivar a tecnoloxía propia vinculada ao evento xacobeo. Disto precisamente, da tecnoloxía propia e do que significa nun contexto de parón produtivo, falou Ricardo Capilla na apertura da presentación: “A iniciativa que damos a coñecer é un proxecto modelo e exemplar de cómo pensamos que se deben facer as cousas en materia de innovación, elemento clave para saírmos da crise. A achega de Bluguía pon en xogo cuestións como a xeración de emprego, que neste caso foi de máis de 20 postos de traballo, ou a aposta pola innovación galega, sen renunciar á vontade de abrirse camiño no internacional. O traballo desta empresa foi brillante e dende a Xunta lle agardamos a meirande cantidade de éxitos”. Por estes e outros motivos, subliñou, está a piques de chegar unha nova partida de axudas á innovación xacobea, incluíndo a mesma contía (1 millón de euros) “cá que fixo posible propostas como a de Bluguía”, amais de outras nove iniciativas semellantes.
No acto de presentación deste desenvolvemento tamén interveu o conselleiro de Economía, Javier Guerra, quen achegou máis detalles sobre a súa estratexia e funcionalidades. Segundo explicou, a aplicación cobre todo o percorrido do Camiño Francés, dende Saint-Jean-Pied-de-Port hasta Santiago de Compostela. Os peregrinos que empreguen O Camiño en GPS, engadiu, dispoñen de 1500 arquivos de vídeo e máis de 100.000 fotografías, o que supón máis de 50 por cada unha das etapas que completan os 800 quilómetros de ruta.
A información que estes vídeos ofrecen aos peregrinos, incidiu o conselleiro, vai desde as características do terreo, ao paisaxe e a biodiversidade ata a cultura popular e o patrimonio vinculados a cada punto polo que pasan. En primeiro lugar, se ten posto a disposición dos usuarios o tramo do Camiño que percorre Galicia dispoñible en galego, castelán e inglés, mentres que o traxecto dende Francia a Santiago de Compostela estará dispoñible xa nas vindeiras semanas.
No marco da posta en longo da iniciativa, os representantes da Xunta e da propia empresa responsable da mesma salientaron o seu carácter innovador e pioneiro, ao tratarse dunha tecnoloxía que só se está a empregar arestora en contornos como a Ribeira Sacra e as localidades de Vigo e Txingudi, en Euskadi.


En Correo TV falaron desta nova ferramenta para os terminais de Apple

PUBLICIDADE