Dispoñíbel para iOS e Android a app galega que nos axuda a aforrar, CoinScrap
martes, 13 de febreiro do 2018
Os creadores da aplicación Senseitrade,
ferramenta galega que nos permite tomarlle o pulso ás redes sociais
en materia bolsista (facéndonos recomendacións sobre os valores nos
que cumpriría investir), están a darlle impulso, neste comezo do
ano, a unha nova app destinada igualmente a mellorar a nosa
economía, aínda que dun xeito diferente: redondeando cada compra
realizada con cartón de débito ou de crédito, pasando a diferenza
entre a compra e o redondeo a unha conta de aforro do usuario.
Estamos a falar da aplicación CoinScrap,
da que temos falado en Código Cero para salientar a súa
participación en Galicia Open Future (o centro de emprendemento
innovador de Telefónica) e
a obtención do Premio Novo Emprendedor 2016 (concedido por AJE
Vigo). Tanto Senseitrade
como o peto dixital CoinScrap veñen da man de TxStockData, con sede
na Tecnópole.
CoinScrap, que estreou nas tendas en liña a súa
primeira versión, ten a súa orixe no seguinte feito: os atrancos
que impiden ao 60% dos fogares españois dar aforrado aínda que sexa
pequenas cantidades mensuais. A aplicación, que se sitúa eido das
solucións fintech, é unha tentativa de abrir este tipo de
ferramentas financeiras ao gran público, co obxectivo último de
axudar ao cidadán de a pé, ao meirande número de familias.
Segundo sinala David Conde, director executivo da empresa, “con
CoinScrap queremos democratizar o aforro, a través dunha ferramenta
totalmente dixital e que se adapte ao estilo de vida de cada persoa”.
O seu funcionamento, como dixemos, baséase en redondear ao euro máis
próximo calquera compra pagada con tarxeta, de forma totalmente
automatizada e dixital. Os redondeos xerados transfírense a un
produto que a aseguradora Caser deseñou especialmente para ofrecer
un servizo acorde coas necesidades dos usuarios, buscando, en
palabras de Conde, “simplicidade, flexibilidade e liberdade”.
Segundo engade, a través de CoinScrap os aforros acumúlanse nun
seguro de vida-aforro.
Os responsábeis de TxStockData tamén explican
que o usuario só ten que rexistrarse, crear un obxectivo financeiro
(por exemplo, mercar un smartphone), axustar as súas
preferencias (importe do obxectivo, duración, redondeos e achegas
mensuais) e, finalmente, conectar unha tarxeta de pago (crédito ou
débito) e/ou unha conta bancaria á aplicación móbil para permitir
o cálculo de redondeos.
Os desenvolvedores da ferramenta tamén explican,
para despexar dúbidas, que en contra do que se pode pensar, as
operacións de redondeo si que teñen potencial para crear aforros
significativos. En base aos seus datos e experiencia, un usuario de
35 anos que comece a redondear aos 2 euros máis próximos e cunha
achega mensual de 25 euros podería chegar a acumular ao momento da
súa xubilación uns 54.000 euros.
Nesta primeira versión, CoinScrap só ten
dispoñíbel a opción para aforrar a curto prazo, aínda que a
finalidade é axudar aos usuarios a aforrar para metas a longo prazo
como a xubilación.
A aplicación pódese descargar de balde na App
Store de iTunes (para iOS) ou en Google
Play (para móbiles con Android).